IMG_20211006_101043764_HDR - RED

Bases para o desenvolvemento dunha estratexia de conservación dos morcegos forestais nos montes sometidos a explotación forestal

Durante 2026 ARCEA Xestión de Recursos Naturais S.L. executou o proxecto “Bases para o desenvolvemento dunha estratexia de conservación dos morcegos forestais nos montes sometidos a explotación forestal”, beneficiario dunha axuda da VI Convocatoria 2025 do Programa Marco de Responsabilidade Social Corporativa de ENCE, co obxectivo xeral de promover especificamente a conservación dos morcegos nestes medios.

Os bosques constitúen un elemento chave no hábitat de moitas especies de morcegos, xa que serven como corredores para o desprazamento a través da paisaxe, e neles atopan lugares de alimentación e refuxio nos ocos que se crean nas árbores. Non obstante, a maioría das formacións arbóreas que nos rodean non son bosques naturais, senón cultivos forestais cun valor limitado como hábitat para os morcegos, xa que, como cultivos, as árbores están destinadas a ser cortadas en ciclos moi curtos (20-40 anos) en comparación co tempo que un bosque natural necesita para alcanzar unha fase de madurez e cubrir todas as necesidades que os morcegos forestais precisan para sobrevivir. Ademais, as prácticas silvícolas que se empregan habitualmente apenas permiten o desenvolvemento de refuxios e homoxeneizan a paisaxe, o que a fai menos diversa e menos amigable para os morcegos. Como resultado, as especies de morcegos presentes son reducidas e restrinxidas a aquelas xeneralistas, cuns menores requirimentos de hábitat, o que supón unha considerable perda de biodiversidade. Ademais, o número de morcegos nestas paisaxes é menor, e polo tanto menor é o control que exercen daqueles insectos que afectan a todo tipo de cultivos, incluídos os forestais.

Como ferramentas para favorecer aos morcegos forestais nestes medios, o proxecto definiu, en base ao coñcemento científico existente, unha batería de accións de conservación que se poidan aplicar nos montes sometidos a explotación forestal. A posta en práctica destas actuacións, relacionadas principalmente cos refuxios, corredores de desprazamento, bebedoiros e lugares de alimentación, permitirá mellorar as condicións de habitabilidade dos cultivos forestais para os morcegos. Ademais, desenvolvéronse os criterios para que os xestores poidan seleccionar as actuacións que mellor se adaptan a cada monte.

Por outra parte, levouse a cabo unha avaliación piloto nun monte concreto utilizando as ferramentas desenvolvidas, seleccionando para tal fin unha área sometida a explotación forestal situada entre os concellos de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade. Nesta área traballouse na catalogación das especies presentes e na medición dos niveis de actividade acústica, no cartografado dos elementos do hábitat máis valiosos para os morcegos e na análise da evolución da cobertura vexetal do monte nos últimos 25 anos, entre outros aspectos. As tarefas incluíron o despregue nos principais medios existentes de detectores-gravadores dos ultrasóns, a observación con visores térmicos e o trampeo con redes. Como resultado elaborouse unha proposta xustificada das accións de conservación a implementar en dito monte.

Finalmente, dentro do obxectivo de sensibilización e divulgación sobre a conservación dos morcegos en cultivos forestais dirixida ás comunidades de montes, actores de gran relevancia na toma de decisións neste ámbito, mantívose un encontro con xestores de montes veciñais en man común en Cuñas (Ponte Caldelas). No mesmo expúxose a necesidade de conservar os morcegos, os beneficios que diso se derivan e as medidas que o proxecto promove, recabando a súa experiencia de xestión e identificando as dificultades existentes en relación á aplicación das medidas de conservación propostas polo proxecto. Ademais, elaborouse un tríptico divulgativo sobre os morcegos forestais, a importancia da súa conservación e as prácticas que poden facer os cultivos forestais máis amigables para estas especies, e se deseñou e instalou un panel divulgativo con estes contidos na contorna forestal de Buchabade, en Ponte Caldelas.

#plansocialencepontevedra

Co patrocinio de ENCE